Iritzia
29Ekaina
2006
29 |
Iritzia

Cara a un Novo Estatuto de Nación

Iritzia
Ekaina 29 | 2006 |
Iritzia

Francisco Jorquera

Iritzia

La Voz de Galicia


O acordo asinado solemnemente o pasado 17 de Xuño en Santiago de Compostela polos máximos dirixentes do BNG e do PSdeG-PSOE –Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño, respectivamente- representa un avanzo substancial no camiño que nos debe conducir cara a consecución dun Novo Estatuto de Nación para Galiza.
Trátase basicamente de que no proceso de reestruturación do poder territorial en marcha no Estado, Galiza faga valer a súa consideración constitucional de nacionalidade histórica, a carón de Euskadi e Catalunya, e en consecuencia o noso país incremente o seu poder político na mesma medida en que o fan bascos e cataláns. Se non é así, se ficamos estantíos, estamos retrocedendo porque os demais si que se moven e fano en función dos seus lexítimos intereses.

Co nível de autogoberno que temos –o decorrente dun Estatuto que ten xa máis de 25 anos e que hai moito tempo que ficou obsoleto-, non podemos planificar adecuadamente o desenvolvemento dos nosos sectores produtivos, non podemos realizar unha política fiscal e económica axeitada ás nosas necesidades, non podemos liberar as potencialidades de especializacións produtivas emerxentes como a enerxía eólica, non podemos protexer acaidamente o noso meio ambiente nen obter beneficios a cambio da sobrexplotación que sofren os recursos naturais do país (por exemplo, os ríos) a cargo de grandes empresas foráneas...

Por todo isto precisamos un Novo Estatuto, non unha mera reforma do actual. Un Estatuto de Nación, que nos outorgue o poder político que precisamos para facer aquilo que o Goberno do Estado ou non fai ou fai pior do que nós.

O acordo acadado co PSdeG-PSOE significa un salto cara adiante de grande relevo nesta dirección. Por vez primeira, un partido de ámbito estatal asina un acordo co nacionalismo galego no que se recoñece o carácter nacional de Galiza, no que se acorda que o galego debe equipararse en dereitos e obrigas co castelán, no que se postula a necesidade de que avancemos cara a autonomía fiscal, no que se identifica a Débeda Histórica do Estado e se estabelecen prazos e orzamentos para a súa liquidación.

Non podemos máis que felicitarnos de que teses defendidas polo nacionalismo galego se vexan agora refrendadas por un acordo que obviamente ten vocación de estenderse á outra forza política galega, o Partido Popular.
Sempre pensou o BNG que os seus principios filosóficos básicos –Galiza é unha nación e debe tender cara ao autogoberno pleno- gozaban das simpatías da grande maioría dos galegos e das galegas, votasen ou non nacionalista.

Coido honestamente que este acordo sintoniza coas correntes de opinión maioritarias no noso país, aquelas que acreditan que Galiza é tanto como a que máis. Terá agora que decidir o Partido Popular de Núñez Feijoo se se suma a este convite xeneroso en favor do consenso e dos dereitos de Galiza a acadar o máximo desenvolvemento posíbel do seu autogoberno ou se, polo contrario, prefire continuar servindo unica e exclusivamente aos intereses do aparato central do partido en Madrid, condenando a Galiza a ver rebaixado o seu status.

PARTEKATU